A Xunta avanza coas entidades do sector financeiro a posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos polo coronavirus
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con entidades do sector financeiro para avanzar na posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos aprobadas pola Xunta. Na xuntanza participaron representantes de varias entidades bancarias e das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo.
Con eles, Conde abordou polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez a empresas e autónomos que se están vendo afectados polo impacto do coronavirus no sector económico. Estas medidas foron aprobadas no último Consello da Xunta celebrado o pasado venres.
En concreto, centráronse na liña de financiamento a través de préstamos que permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros. As contías destes préstamos irán destinadas a cubrir os gastos do primeiro trimestre de pemes e autónomos. Esta iniciativa sempre quedará condicionada ao que finalmente aprobe o Estado; é dicir, a Xunta activa agora este mecanismo de liquidez, ata que o Goberno poña en marcha as súas liñas de financiamento. O obxectivo é dar unha solución inmediata mentres non se aproban as liñas de financiamento estatais.
