A Xunta clausura o obradoiro de emprego “Támega IV” no que se formaron 20 desempregados durante os últimos nove meses

Xov, 26/07/2018 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnas e alumnos que se formaron no obradoiro de emprego Támega IV, que compartiron os concellos de Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Oímbra, Vilardevós e Laza.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura desta iniciativa de emprego na que a Xunta investiu 280.000 euros e que serviu para ofrecer aos participantes durante os últimos nove meses formación teórica e práctica nas especialidades de colocación de pedra natural, actividades auxiliares de viveiros e xardinería, e atención sociosanitaria de persoas a domicilio. No proxecto tamén traballaron dous monitores, un director e un administrador.

Díaz Mouteira destacou “o importante esforzo que se está a facer desde a Xunta de Galicia para achegar a formación aos concellos e para ofrecer obradoiros adaptados ás necesidades actuais das empresas”. Neste senso, puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/32537/xunta-clausura-obradoiro-emprego-tamega-que-formaron-20-desempregados-durante