A Xunta concede obradoiros de emprego duais aos concellos de Ponteareas, As Neves, Tui e A Guarda cun investimento de máis de 1 M€

Mar, 14/09/2021 - 11:59

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder novos obradoiros de emprego de formato dual aos concellos de Ponteareas –conxuntamente con As Neves–, Tui e A Guarda cun investimento global de máis dun millón de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, anunciou esta mañá esta resolución nunha visita ao Centro de Desenvolvemento Local da capital do Condado, onde supervisou as actividades formativas do obradoiro de emprego dual Coidar de Nós III, que está a piques de chegar ao seu remate.

“O emprego, xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso, agora que afrontamos a fase final da pandemia e que se percibe unha boa reactivación, imos investir máis de 6,6 millóns de euros en vinte novos obradoiros na provincia de Pontevedra cun forte peso nos principais concellos do sur”, explicou o representante autonómico.

Os obradoiros de emprego duais aprobados ao abeiro da convocatoria 2021/2022 son Coidar de Nós IV para Ponteareas e As Neves, que se centrará na atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e en actuacións forestais que se realizarán no parque da Picaraña de Ponteareas e na Chan de Vide, pertencente ás Neves; Revaloriza Tui 2021 para Tui, que disporá dos módulos de Canteiría e Carpintaría para o arranxo de fontes, lavadoiros e muíños; e Manuel B. Portela VII na Guarda, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante. Cada unha destas accións formativas contará cun orzamento individual de 347.000 euros.

A nova quenda de obradoiros, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará con 60 de participantes nas comarcas do Condado e do Baixo Miño, a razón de vinte alumnos-traballadores en cada un deles.

Todos eles beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto por parte dos concellos promotores, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía agora que temos a vacinación tan avanzada e que a quinta onda da covid-19 vai quedando atrás. Ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con obras públicas e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61714/xunta-concede-talleres-empleo-duales-los-ayuntamientos-ponteareas-neves-tui-guarda?langId=gl_ES