A Xunta convoca a quinta edición do programa Medrando Xuntas para impulsar o talento feminino na economía social

Mar, 16/02/2021 - 08:30

O programa Medrando Xuntas da Xunta para impulsar o talento feminino na economía social e que se enmarca na Estratexia galega de Economía Social 2019-2021 arrancará o próximo mes de marzo. As mulleres interesadas en participar nesta iniciativa de formación, que rematará en xuño, poden matricularse xa. Levaranse a cabo dous programas diferentes: un dirixido a directivas e outro a socias e traballadoras.

Esta edición, a quinta, desenvolverase principalmente en formato dixital tras o éxito do programa que tivo lugar en 2020 que se adaptou á situación xerada pola covid-19. Nas edicións pasadas participaron 155 mulleres nos 10 cursos que se realizaron en seis localidades diferentes. A modalidade dixital axuda, ademais, a desenvolver habilidades dixitais e reduce os desprazamentos entre cidades galegas, axudando á conciliación da vida profesional e persoal.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55416/xunta-convoca-quinta-edicion-programa-medrando-xuntas-para-impulsar-talento-feminino?langId=gl_ES