A Xunta convoca as segundas probas de acreditación do Celga do ano 2021

Mar, 14/09/2021 - 11:59

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4. Trátase da segunda convocatoria do ano 2021, na que as persoas interesadas -maiores de 16 anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria- se poden inscribir, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, desde mañá, 14 de setembro, ata o vindeiro 4 de outubro.

Deberán cubrir o formulario de solicitude (modelo PL500C) e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística. As probas realizaranse entre os meses de novembro e decembro e de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 o permite, en Santiago de Compostela e en Ponferrada, para os niveis Celga 2, 3 e 4, como vén sendo habitual. As datas concretas serán publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas no Portal da Lingua Galega.

Materiais no Portal da Lingua Galega

O Portal da Lingua Galega tamén ofrece materiais cos que é posible preparar as probas Celga por conta propia, sen necesidade de seguir os cursos preparatorios, que non son obrigatorios para presentarse aos exames, aínda que si recomendables, xa que non implican en por si a expedición de ningún certificado acreditativo.

O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en tres bloques: Lingua e comunicación, Lingua e sistema e Lingua, cultura e sociedade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61735/xunta-convoca-las-segundas-pruebas-acreditacion-del-celga-del-ano-2021?langId=gl_ES