A Xunta destaca en Vigo a súa aposta pola formación en competencias dixitais “flexible e continuada” ao longo da vida laboral das persoas traballadoras

Xov, 27/05/2021 - 12:00

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, ratificou hoxe en Vigo a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a importancia da cualificación en competencias dixitais que, na súa opinión, ten que ser “flexible e continuada ao longo de toda a vida laboral das persoas traballadoras” para dar resposta ás demandas que vaia requirindo o mercado de traballo.

Lado, na súa intervención na clausura do foro empresarial sobre formación profesional e emprego, organizado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE), expuxo as políticas que está desenvolvendo a Xunta no eido da formación para o emprego e sinalou a importancia de que esta cualificación camiñe da dan das demandas empresariais que xurdan en cada momento para continuar coa mellora do mercado laboral.

Neste senso, a directora xeral avanzou que a Xunta está ultimando a Axenda Galega de Capacidades, que se porá en marcha en consenso cos axentes sociais e que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación.

A formación para o emprego é un eixo prioritario para a Consellería de Emprego e Igualdade. Galicia destina este ano máis de 72 millóns a diferentes programas neste ámbito -un 3,3% máis que en 2020- como son, entre outros, as unidades formativas na empresa ou a formación para ocupados e desempregados que inclúe cursos para 25.000 galegos. Dun lado, a Xunta está a investir 44,3 millóns de euros ata 2022 á formación de 16.600 persoas desempregadas e, doutra parte, o plan de formación para o emprego para persoas ocupadas conta cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos para chegar a unhas 5.000 persoas. Outros 3.300 traballadores recibirán, ademais, cualificación en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas para atopar traballo ou mellorar as súas condicións.


A Administración autonómica, ademais, conta con programas mixtos de formación e colocación como son os obradoiros e os programas integrados de emprego, e na actualidade está activo o programa Autónomos Dixitais co que a Xunta formará en comercio electrónico ata finais de xuño e de xeito gratuíto a 1.200 traballadores e traballadoras por conta propia e aqueles que perderan o seu negocio como consecuencia da covid-19 e estean en situación de baixa no réxime de autónomos.

A Consellería de Emprego e Igualdade, así mesmo, conta co programa Son Executiva para formar en liderado, creatividade e empoderamento feminino a 400 mulleres galegas en cinco cidades de Galicia ata o ano 2022.

Recoñecemento da experiencia profesional

Lado, por último, referiuse ao procedemento do Recoñecemento da Experiencia Profesional (REXP) co obxectivo de acreditar a experiencia laboral dos galegos e galegas. Este ano ofértanse 1.209 novas prazas para un total de sete cualificacións: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; e en institucións sociais; socorrismo en espazos acuáticos naturais; e en instalacións acuáticas; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; vixilancia e seguridade privada; e servizos para o control de pragas. A directora xeral explicou que este procedemento, pioneiro en Galicia, ven realizándose desde 2011 e apuntou que ao longo das súas 14 convocatorias ofertáronse máis de 18.000 prazas, nun total de 19 cualificacións profesionais.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58391/xunta-destaca-vigo-sua-aposta-pola-formacion-competencias-dixitais-flexible-continuada