A Xunta destaca a importancia da formación especializada e dos apoios á contratación para a reinserción laboral das persoas máis vulnerables

Ven, 20/11/2020 - 08:30

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe por videoconferencia en Santiago de Compostela unha xuntanza co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, na que abordaron as diferentes liñas de axudas que ten activas a Xunta en materia de emprego e igualdade.

Lorenzana puxo en valor o traballo que realiza esta entidade, con presenza en Galicia desde hai máis de 30 anos, co fin de axudar ás persoas con problemas de adición e ás súas familias. Así, destacou o labor que desenvolve para acadar a rehabilitación e reinserción socioalaboral destas persoas e os programas que realiza en materia de prevención e sensibilización.

A titular de Emprego e Igualdade amosou o compromiso do Goberno galego de continuar apoiando o traballo de asociacións como a de Proxecto Home e, ao respecto, lembrou que a Xunta conta desde hai anos con programas para incentivar a contratación laboral dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Tamén sinalou a importancia da formación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un emprego.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/53246/xunta-destaca-importancia-formacion-especializada-los-apoyos-contratacion-para?langId=es_ES