A Xunta destaca a importancia da formación on line no novo contexto dixital para a reactivación do mercado de traballo

Lun, 31/08/2020 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo hoxe por videoconferencia unha xuntanza coa Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap) na que puxo en valor a importancia da formación on line e da aposta que está a facer a Xunta pola transformación dixital para a reactivación do mercado laboral galego.

Casal destacou que a utilización das novas tecnoloxías na formación contribúe a mellorar a cualificación, o que repercute directamente na creación de emprego. Lembro, ao respecto, que a Administración autonómica está a implantar un modelo de formación flexible e dual, no que se combina a cualificación coa contratación, e no que as novas tecnoloxías teñen especial relevancia. Incidiu, así, na importancia da formación on line no novo contexto dixital e lembrou que a Administración autonómica incluíu a implantación da formación on line na convocatoria de axudas dos cursos para persoas desempregadas (AFD).

No encontro avaliáronse as propostas da Cecap en canto ao desenvolvemento das novas accións formativas de cara ao curso 2020-21, así como as medidas postas en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para flexibilizar a impartición da formación destinada ás persoas desempregadas co obxectivo de garantir o seu desenvolvemento nas máximas condicións de seguridade e saúde.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51134/xunta-destaca-importancia-formacion-line-nuevo-contexto-digital-para-reactivacion