A Xunta destaca que a formación especializada e a orientación laboral son claves para dinamizar a economía e fortalecer aos axentes produtivos

Mér, 01/07/2020 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá sendas reunións por videoconferencia cos responsables da Fundación Ronsel e da Asociación Amicos, nas que puxo en valor que a formación especializada e a orientación laboral son claves para dinamizar a economía neste novo horizonte económico e para fortalecer aos axentes produtivos, facilitando, deste xeito, a inserción laboral.

Casal escoitou as principais demandas destes colectivos en materia de formación para o emprego e orientación laboral e sinalou que a formación é unha garantía para a empregabilidade.

O director xeral, ademais, lembrou que unha formación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e apuntou á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral das persoas con capacidades diferentes e con máis dificultades á hora de acceder a un posto de traballo.

Neste senso, durante os encontros, Casal agradeceu a colaboración entre as distintas asociacións á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19. Informoulles, ademais, de que a Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49994/xunta-destaca-que-formacion-especializada-orientacion-laboral-son-claves-para