A Xunta destaca que o 99% das persoas que realizan as probas de avaliación da experiencia profesional na cualificación de extinción de incendios e salvamento obtén acreditación oficial

Xov, 06/06/2019 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, visitou esta mañá a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) na Estrada con motivo das probas de avaliación dentro do procedemento de recoñecemento da experiencia profesional na cualificación de extinción de incendios e salvamento. Marnotes destacou que o 99% de candidatos que finalizan o proceso de avaliación obtén acreditación oficial da súa competencia profesional.

Ás probas, que se realizan por quinto ano consecutivo e que se desenvolven desde o 27 de maio ata hoxe, presentáronse 130 candidatos. Sometéronse a unha entrevista profesional previa e estes días están realizando unha simulación dunha situación real de traballo relacionada con ámbitos como espazos confinados, derrames e fugas, incendios ou simuladores de fume e sons.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40253/xunta-destaca-que-99-das-persoas-que-realizan-probas-avaliacion-experiencia-profesional