A Xunta destinou 300.000 euros a promover o emprego de 37 traballadores con discapacidade ou en risco de exclusión social en Lugo

Mér, 13/05/2020 - 08:30

A Xunta de Galicia destinou preto de 300.000 euros a promover a inclusión laboral de 37 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social da provincia de Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que foron en concreto 299.084 euros distribuídos entre 29 empresas lucenses que no último exercicio se adheriron a este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao respecto, subliñou que permanece aberta unha nova convocatoria para que se poidan incorporar solicitudes en calquera momento ata o 30 de setembro. Deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta convocatoria está dirixida a autónomos e empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, e establece tres tipos de bonos compatibles entre si, destinados á contratación, formación e apoio no desenvolvemento do posto de traballo. O obxectivo, sinalou Balseiro, “é avanzar na cohesión social e na igualdade de oportunidades das persoas que teñen máis dificultades para integrarse no mercado laboral”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48885/xunta-destinou-300-000-euros-promover-emprego-37-traballadores-con-discapacidade?langId=gl_ES