A Xunta e a Fundación Ronsel lanzan o 2º programa de mentores que axudará a 200 autónomos a atenuar o efecto da covid nos seus negocios

Xov, 25/03/2021 - 08:30

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do director da Fundación Ronsel, Luís García Deber, presentaron hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela o 2º programa de Mentoring desta entidade, dirixido a que uns 200 profesionais autónomos de Galicia consoliden os seus negocios e que, este ano, estará orientado de xeito especial a reducir o impacto negativo da covid-19 nas empresas.

A iniciativa, que conta co apoios do Goberno galego por valor de 250.000 euros, cumpre este 2021 a súa segunda edición, coa expectativa de chegar a 200 persoas traballadoras autónomas: 70 na provincia da Coruña, 70 en Pontevedra, 30 en Lugo e 30 en Ourense.

O programa de Mentoring arranca co triplo obxectivo de reducir os riscos das persoas autónomas na súa actividade profesional, acompañalas na consolidación dos seus negocios e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos e actividade económica. O actual contexto fai que o enfoque da nova edición se redirixa a paliar ademais o impacto negativo da pandemia no traballo autónomo.

A conselleira subliñou a importancia de complementar os plans de rescate da Xunta -xa se está a deseñar o 3º- cos que o Goberno galego está a apoiar aos negocios máis afectados pola pandemia. Tal e como indicou “as axudas aportan inmediatez e alivian a situación de inseguridade financeira, pero deben ser complementados con medidas que faciliten a autosuficiencia e solidez do proxecto empresarial”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/56510/xunta-fundacion-ronsel-lanzan-programa-mentores-que-ayudara-200-autonomos-atenuar