A Xunta formará as redeiras artesás galegas na creación de pezas para a moda

Mér, 14/10/2020 - 08:30

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración coa Consellería do Mar, organiza un curso de formación especializado dirixido ás redeiras artesás galegas, no marco do proxecto Enredadas, no que ambos os dous departamentos colaboran desde o ano 2012. Nesta ocasión, a actividade estará orientada á aplicación das técnicas das redeiras na creación de pezas para a moda e os complementos, o que permitirá seguir avanzando na diversificación deste oficio tradicional para buscar novas vías de mercado.

O curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos, de 60 horas de duración, estará impartido pola deseñadora de moda Rosalía Castro, e desenvolverase en Buño (Malpica de Bergantiños) os días 24 e 25 de outubro, 6, 7, 8, 14 e 15 de novembro. As inscricións deberanse realizar a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/52082/xunta-formara-las-redeiras-artesanas-gallegas-creacion-piezas-para-moda?langId=es_ES