A Xunta formará unha trintena de persoas na Estrada e na Peroxa sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiros de froito

Lun, 30/08/2021 - 11:59

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá a vindeira semana dous cursos sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito no concello pontevedrés da Estrada e no ourensán da Peroxa nos que participarán unha trintena de persoas.

Neste senso, a acción formativa programada para o vindeiro mércores, 1 de setembro, celebrarase na casa escola de Montillón-Souto, no municipio da Estrada, en horario de 18:00 a 22:00 horas.

O curso programado para o venres, 3 de setembro, no auditorio da Peroxa, será tamén en horario de tarde.

O obxectivo principal destes cursos é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas do mercado, entre outros aspectos.

Así, ambos programas terán un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación.

No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo.

Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores.

Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.

Todos os interesados poderán anotarse nos cursos cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico de formacion.agacal@xunta.gal ou info@castanadegalicia.org, tanto no caso do curso da Estrada como no da Peroxa.

Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61210/xunta-formara-una-treintena-personas-estrada-peroxa-sobre-planificacion-diseno?langId=gl_ES