A Xunta formará unha vintena de persoas nun taller sobre produción comercial de castaña en Verín

Lun, 30/08/2021 - 11:59

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un taller formativo para a implantación de soutos destinados á produción comercial de castaña.

Este curso, que formará unha vintena de persoas, desenvolverase entre o 30 de agosto e o 8 de setembro no auditorio de Verín, en horario de tarde (de 16:00 a 20:00 horas).

O obradoiro está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das 25 horas de duración desta acción formativa, instruirase os alumnos sobre o cultivo do castiñeiro dende a plantación ata a comercialización, en aspectos como as variedades, tipos de planta, factores agronómicos, coidados da plantación, demandas do mercado e experiencias.

Este taller enmárcase no plan de formación continua 2021 da Agacal, co que a Xunta aposta pola profesionalización do sector.

Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61206/xunta-formara-una-veintena-personas-taller-sobre-produccion-comercial-castana?langId=gl_ES