A Xunta impartirá en Xinzo de Limia un curso sobre as posibilidades de comercialización da pataca ecolóxica

Lun, 30/08/2021 - 11:59

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para o vindeiro venres 3 de setembro, en Xinzo de Limia, un curso sobre as posibilidades de comercialización da pataca ecolóxica.

Será en horario de mañá e tarde na Casa da Cultura deste municipio ourensán.

Esta acción formativa ten como obxectivo dar a coñecer a situación do mercado e as posibilidades de comercialización da pataca ecolóxica, ademais das tendencias e demandas do mercado neste eido.

Doutra banda, a xornada tamén incluirá un apartado sobre o novo regulamento de produción ecolóxica, así como aspectos relativos á comunicación ambiental que deben facer os produtores en relación cos novos desafíos ambientais como é o cambio climático, entre outros.

O curso rematará cunha sesión práctica de tarde, que consistirá nunha visita a un campo de ensaio no concello limítrofe de Sandiás.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico clientes@sinerxia.es.

Tamén poden chamar ao número 988 788 365 para máis información.

Este taller enmárcase no plan de formación continua 2021 da Agacal, co que a Xunta aposta pola profesionalización do sector.

Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61212/xunta-impartira-xinzo-limia-curso-sobre-las-posibilidades-comercializacion-patata?langId=gl_ES