A Xunta impulsa 23 obradoiros de emprego para menores de 30 anos nos que participarán máis de 350 alumnos de 57 concellos

Ven, 24/08/2018 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa un total de 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos nos que participarán un total de 352 alumnos de 57 concellos galegos. Os apoios que se veñen de conceder, que suman preto de 3,4 millóns de euros, permitirán desenvolver iniciativas centradas en especialidades de ámbitos como a informática e as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC); o deseño gráfico; a hostelería e o turismo; a carpintería; o forestal; a xardinería; ou o sociosanitario; e diferentes materias relacionadas coa construción e a industria, entre outros. Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante 6 meses.

Son beneficiarios da iniciativa que se vén de resolver, destinada a persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, as administracións locais (con prioridade para os Concellos Emprendedores), as asociacións de entidades locais e as mancomunidades.