A Xunta impulsa o emprego dun cento de persoas a través do programa integrado 'Avanza na Mariña Lucense II'

Lun, 18/02/2019 - 08:30

O Programa Integrado de Emprego (PIE) Avanza na Mariña Lucense II está a formar nesta comarca a un total de 100 persoas sen emprego para impulsar a súa inserción no mercado de traballo. Trátase dunha iniciativa que financia ao 100% a Xunta a través dun orzamento de 250.000 euros. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos e alumnas desta actuación que se desenvolve ao longo dun ano co obxectivo de acadar unha inserción laboral do 35%. Os participantes, que proceden de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro, son principalmente menores de 30, maiores de 45 anos, persoas con capacidades diferentes e/ou en risco de exclusión social, parados de longa duración e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. Neste senso, sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/37573/xunta-impulsa-emprego-dun-cento-persoas-traves-programa-integrado-avanza-marina