A Xunta impulsa un programa de avais para facilitar o acceso ao financiamento de máis de 200 pemes e autónomos

Mar, 11/06/2019 - 08:30

A Consellería de Economía Emprego e Industria reafirmou hoxe o seu compromiso co apoio ao financiamento dos proxectos empresariais das pemes e os autónomos galegos no acto de firma do convenio de colaboración asinado esta mañá en Santiago de Compostela polo o director do Igape, Juan Cividanes, e representantes das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) galegas e de sete entidades financeiras.

O acordo activa a nova convocatoria do programa de avais que o Consello da Xunta aprobou recentemente, coa que este ano se destinan 1.125.000 euros a estas axudas. Como lembrou o director do Igape, a través desta nova liña, facilitarase a realización de distintos tipos de operacións de financiamento comprendidas entre 3000 euros e un millón, para mellorar a situación financeira de máis de 200 pequenas e medianas empresas e emprendedores, incrementando tamén os créditos mobilizados.

Mediante operacións avaladas ata nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca que, a súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido, favorécese o acceso ao financiamento de pemes e autónomos.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40539/xunta-impulsa-programa-avales-para-facilitar-acceso-financiacion-mas-200-pymes