A Xunta impulsará a innovación e o emprendemento entre o alumnado de formación profesional a través da campaña ‘Comercio con talento’

Ven, 11/05/2018 - 08:30

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron esta tarde, no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, a cuarta edición da campaña Comercio con talento, unha iniciativa que pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de FP.

En concreto, esta acción esta dirixida ao alumnado do ciclo formativo de Formación Profesional básica se Servizos comerciais; do ciclo formativo de grao medio de Actividades comerciais; e dos ciclos formativos de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais, de Comercio internacional, de Transporte e loxística e de Márketing e publicidade, modalidades cursadas por preto de 800 alumnos de 30 centros da Comunidade.

Tal e como explicou a directora xeral, a campaña ten como obxectivos principais impulsar a participación e o contacto dos estudantes destes ciclos coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/30387/xunta-impulsara-innovacion-emprendimiento-entre-alumnado-formacion-profesional