A Xunta investiu preto de 347.000 euros en formar a 20 persoas desempregadas de Chantada e Carballedo
A Consellería de Emprego e Igualdade investiu preto de 347.000 euros no obradoiro de emprego Serra do Faro V, que compartiron os concellos de Chantada e Carballedo, e no que se formaron 20 persoas desempregadas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o concello de Chantada, acompañado polo alcalde deste municipio, Manuel Varela, con quen comprobou o resultado dalgúns dos traballos executados grazas a este obradoiro de emprego, na procura da mellora e recuperación de espazos públicos do citado municipio.
Durante nove meses os participantes nesta iniciativa realizaron labores de albanelaría e xardinaría, entre as que destacan, por exemplo, o acondicionamento de beirarrúas na avenida de Monforte; na praza de Galicia, no treito máis próximo aos xulgados; e na mellora de pavimentos na contorna das pistas de tenis.
No que respecta á área de xardinaría, os traballos centráronse en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes nas contornas do campo de fútbol de Sangoñedo e do paseo fluvial do río Asma, ademais doutras importantes intervencións no parque Eloisa Rivadulla; na avenida de Monforte; na praza de Galicia; no pavillón deportivo do concello, e no viveiro municipal, entre outras.
Javier Arias explicou que a formación especializada que reciben os alumnos impulsa tamén o emprendemento “xa que os beneficiarios adquiren uns coñecementos específicos que lles permitirán iniciar os seus propios proxectos”.
Ademais, lembrou que as axudas da Xunta a estes obradoiros inclúen incentivos para a contratación de participantes en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses, que no caso deste obradoiro pode supoñer a contratación de 14 persoas, cun investimento de 21.000 euros.
Por último, o delegado territorial subliñou que todos os alumnos-traballadores reciben un certificado de profesionalidade que lles permite acreditar a formación recibida, o que facilita a súa inserción laboral.
Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes formación teórica e práctica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo ao tempo que realizan obras e servizos de interese xeral e social en beneficio da comunidade. Estes son algúns dos motivos que explican porque este tipo de iniciativas son unha das propostas máis valoradas polos concellos.
A Xunta ven de ampliar nun 48%, ata os 11 millóns de euros, o orzamento destinado aos obradoiros duais de emprego na súa convocatoria 2021-2022, co afán de poder resolver o 100% das solicitudes presentadas.
O programa conta deste xeito cun total de 34,2 millóns de euros para toda Galicia coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a preto de 1.900 persoas sen emprego e poder implementar 94 obradoiros.
