A Xunta inviste 240.000 euros na construción dun viveiro industrial no polígono empresarial do Corgo

Lun, 10/06/2019 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará cunha achega de 240.000 euros a construción dun viveiro de empresas no polígono do Corgo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata o parque industrial para coñecer os datos da futura edificación en compañía do alcalde, José Antonio Ferreiro, entre outros.

Balseiro explicou que este proxecto, que conta cun orzamento de 358.000 euros, acadou a achega máxima prevista no programa de axudas para a creación de viveiros industriais, co que a Xunta quere fomentar a creación de novas empresas de carácter industrial. O delegado sinalou que “contar con estas instalacións e servizos é un apoio moi importante para os emprendedores nas súas primeiras etapas de actividade e contribúen ao éxito final do proxecto”.

O viveiro enténdese como un espazo físico para o nacemento de novas industrias no que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40433/xunta-invierte-240-000-euros-construccion-vivero-industrial-poligono-empresarial