A Xunta inviste máis de 6,8M€ en axudas para a contratación de 280 orientadores laborais en concellos e entidades

Xov, 11/02/2021 - 08:30

Os concellos, entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con discapacidade e en risco de exclusión social e as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia poden solicitar desde mañá as axudas da Xunta para apoiar a contratación ou mantemento de orientadores laborais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta liña de axudas á que a Consellería de Emprego e Igualdade destina este ano máis de 6,8 millóns de euros. O prazo de solicitude está aberto ata o próximo 10 de marzo.

A Administración autonómica prevé con estes apoios a creación ou mantemento de arredor de 280 empregos. Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención a persoas con discapacidade.

Este programa permitiu o pasado ano, grazas a un orzamento de máis de 6,7 millóns de euros, a contratación ou mantemento de 276 orientadores laborais en 138 entidades locais e sen ánimo de lucro da Comunidade galega.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55314/xunta-invierte-mas-6-ayudas-para-contratacion-280-orientadores-laborales-ayuntamientos