A Xunta organiza un curso online para formar ós artesáns en estratexia empresarial e novos modelos de xestión

Mér, 09/09/2020 - 08:30

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza un curso gratuíto online de formación para mellorar as competencias dos artesáns galegos no eido da estratexia empresarial e os novos modelos de xestión. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 25 de setembro (https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions) e as clases darán comezo o día 6 de outubro.

A chamada “nova artesanía” sitúase no centro dunha economía sostible e centrada nas persoas, que se apoia nuns valores empresariais e culturais innovadores e diferentes, o que fai preciso que os artesáns dispoñan de novos modelos de xestión empresarial. O curso centrarase na estratexia empresarial como mapa sobre o que trazar a propia senda de crecemento; o márketing como apoio flexible a toda a actividade do obradoiro e o control de diversos indicadores como guía para asegurarse unha xestión eficiente.

Este curso impartirase de xeito gratuíto os días 6, 13, 20 e 27 de outubro. Cada sesión terá unha duración de 90 minutos que incluirá ademais da exposición dos docentes un foro de discusión para o grupo e sesións individuais de consultoría.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51309/xunta-organiza-curso-online-para-formar-artesans-estratexia-empresarial-novos