A Xunta organiza a vindeira semana un curso en Friol sobre benestar animal no transporte

Lun, 30/08/2021 - 11:59

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá a vindeira semana un curso sobre benestar animal no transporte.

Terá lugar nas instalacións da Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) da Comarca de Lugo dende o vindeiro mércores 1 de setembro ata o martes 7 en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Ao longo das 20 horas de duración, a acción formativa abordará temas como saúde e seguridade no traballo, o manexo, hixiene e prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal.

Así, este curso ten como obxectivo ofrecer aos alumnos os coñecementos necesarios neste eido para que poidan desenvolver debidamente todas as tarefas relacionadas co transporte de animais.

Todos os interesados poderán anotarse nos cursos cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico de info@comarcadelugo.com.

Tamén poden chamar ao número 982 870 338 para máis información.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61214/xunta-organiza-proxima-semana-curso-friol-sobre-bienestar-animal-transporte?langId=gl_ES