A Xunta pon á disposición de empresas, comercios e autónomos máis de 60 expertos para asesoralos e facer fronte ao impacto da covid-19

Lun, 21/09/2020 - 08:30

Máis de 60 expertos e consultores especializados súmanse ao equipo técnico do Igape para apoiar, asesorar e formar aos autónomos, comercios e empresas galegas. Forman parte do Igape Responde, o programa da Xunta que vén de activar unha liña de asesoramento gratuíto para facilitar a este colectivo a posta en marcha de medidas de acción inmediata.


O vindeiro mércores 23 terá lugar o primeiro dos encontros dixitais que inclúe esta liña. Baixo o título Como pode axudar o programa Igape Responde á miña empresa?, o webinario informará dos apoios que ofrece. Así, a través da páxina web responde.igape.es, o tecido empresarial galego pode acceder a 14 tipos de medidas diferentes, que se implementan de xeito rápido nun prazo de dúas semanas. O soporte inclúe ademais un seguimento posterior dun mes cunha intensidade de 25 horas de consultaría personalizada por beneficiario.
Os expertos ofrecerán asesoramento en diferentes ámbitos: financiamento, negocio, operacións e persoas. No primeiro caso, as empresas poderán replanificar as súas débedas comerciais, buscar financiamento, xestionar cobros e operacións comerciais ou planificar as obrigacións fiscais. Pola súa banda, as medidas para implantar no eido do negocio ofrecen a posibilidade de reconfigurar a oferta comercial, conseguir a promoción en rede ou incluso reorientar o negocio.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51579/xunta-pon-disposicion-empresas-comercios-autonomos-mais-60-expertos-para-asesoralos