A Xunta pon en marcha un segundo obradoiro dual de emprego en Vilanova de Arousa para formar este ano a 36 desempregados cun investimento de case 700.000€
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de poñer en marcha un segundo obradoiro dual de emprego no Concello de Vilanova de Arousa, xa que á iniciativa laboral de hostalaría para menores de 30 anos que arrancou hai un mes vén de unirse Vista Real VI, o que permitirá formar este ano a 36 persoas desempregadas do municipio cun investimento global de case 700.000€.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que inaugurou este novo obradoiro hoxe ao mediodía co alcalde Gonzalo Durán no Pazo de Vista Real, destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” no concello, xa que vai dispoñer de dous obradoiros, e na bisbarra do Salnés, que é a que disporá da maior oferta de toda a provincia de Pontevedra
Nesta comarca desenvolveranse oito obradoiros duais, catro para mozos e outros catro para xente de todas as idades, que se celebrarán tamén nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Cambados e en Sanxenxo e Ribadumia no caso dos dous concedidos á Mancomunidade. En total, serán oito iniciativas laborais cun investimento de 2,75 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de 156 participantes.