A Xunta pon en valor o modelo de formación dual e flexible para a reactivación do emprego en Galicia

Mér, 22/07/2020 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, sinalou hoxe en Santiago, na súa intervención no webinario Sesións persoais de coaching #RumboDixital, que a formación é un elemento clave para a reactivación económica e a recuperación do emprego.

Así, puxo en valor o modelo de formación dual e flexible no que se combina a cualificación das persoas desempregadas cun contrato de traballo, programas polos que aposta a Xunta para a reactivación do mercado laboral. Do que se trata, segundo apuntou, é achegar respostas formativas a medida para o emprego, incidindo na importancia da formación on line no novo contexto marcado por un maior uso das novas tecnoloxías.

O director xeral expuxo as principais liñas da nova Axenda de Emprego, aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, para a recuperación do emprego de calidade. En consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica, conta cun orzamento de 196,7M€, prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas das que se beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas.

O obxectivo da nova folla de ruta é recuperar no menor tempo posible o emprego destruído desde mediados do mes de marzo e restaurar a senda de crecemento que se vivía en Galicia antes da covid-19.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/50425/xunta-pon-valor-modelo-formacion-dual-flexible-para-reactivacion-emprego-galicia