A Xunta pon en valor o seu apoio a unha formación especializada e a medida das necesidades do tecido produtivo

Mar, 28/07/2020 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe en Ames o apoio da Xunta aos programas de formación especializada e a medida das necesidades do tecido empresarial na visita que desenvolveu ao obradoiro e ao programa integrado que o concello de Ames comparte con Brión.

Casal sinalou que a cualificación de calidade é o camiño para a creación de emprego e subliñou que estes programas, que se realizan en colaboración cos concellos e entidades, contribúen a este reto. Así mesmo, indicou que a formación é dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

No obradoiro de emprego Renova Ames-Brión III están a participar 20 alumnos e alumnas que se están formando, ao tempo que acceden a un contrato laboral, na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Os traballadores levarán a cabo a instalación de oito módulos fotovoltaicos en Ames e Brión. Ao finalizar o programa, os alumnos poderán acceder a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/50528/xunta-pone-valor-apoyo-una-formacion-especializada-medida-las-necesidades-del?langId=es_ES