A Xunta pon en valor que o obradoiro dual da Laracha e Arteixo permitiu que 20 desempregados recibiran formación e acceso a un posto de traballo

Mar, 03/09/2019 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe na Laracha, na clausura que realizou do obradoiro dual A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego V, a importancia deste tipo de programas de formación e emprego porque grazas a súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia máis preparada.

Na iniciativa participaron 20 alumnos e alumnas que recibiron cualificación, ao tempo que accederon a un posto de traballo, nas especialidades de carpintería e moble, ademais de pintura industrial en construción. Unha vez rematado o obradoiro, que contou con nove meses de duración, terán, ademais, a posibilidade de acceder a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante tres meses máis, como mínimo, grazas á dualidade do obradoiro.

A formación que están recibindo permitiulles, tamén, realizar labores de pintura interior e exterior en edificios e instalacións municipais como os campos de fútbol da Laracha e Paiosaco; o pavillón deportivo de Xermaña-Caión; a pista polideportiva de San Román de Cabovilaño; o edificio de usos múltiples municipal; as antigas escolas unitarias de Ínsua e As Rañeiras ou os centros socioculturais do Cruceiro e Areosa. Ademais, tamén permitiron a mellora ambiental e acondicionamento do Muíño da Cachada.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42550/xunta-pon-valor-que-obradoiro-dual-laracha-arteixo-permitiu-que-20-desempregados?langId=gl_ES