A Xunta porá en marcha este ano un novo programa de formación dual nos centros especiais de emprego

Lun, 08/07/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe en Marín o traballo que desenvolven os 40 empregados do Centro Especial de Emprego Juan XXIII, un colectivo que forma parte de Fademga e que leva anos impulsando o desenvolvemento integral das persoas con capacidades diferentes facilitando e promovendo a súa inclusión social e laboral e dando apoio ás familias. Conde avanzou na visita que a Xunta porá en marcha este ano un novo programa de formación dual nos centros especiais de empregos co que se ofrecerá unha formación adaptada á demanda empresarial e prácticas nun posto de traballo co obxectivo de capacitar a 80 persoas a través dun investimento de 3 millóns de euros nos próximos tres anos.

O titular de Economía sinalou que a verdadeira inclusión só é posible cando se fala de inclusión laboral e, por iso, indicou que é preciso e xusto que todos os galegos e galegas, sen excepcións, poidan ter oportunidades laborais. Neste senso, puxo en valor o traballo que realiza Juan XXIII, que conta con 30 xardineiros que realizan, entre outras actuacións, labores de mantemento, limpeza de camiños en contornos rurais e o desbroce de fincas e montes en campañas de prevención de incendios.

Conde, ademais, apuntou á necesidade de avanzar en dúas direccións: na sensibilización da sociedade e do tecido empresarial para que o emprego inclusivo sexa máis que un compromiso; e no deseño de medidas que se adapten ás necesidades reais do mercado laboral e ás das persoas con capacidades diferentes.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41376/xunta-pondra-marcha-este-ano-nuevo-programa-formacion-dual-los-centros-especiales