A Xunta promove a captación de talento coa incorporación de 110 profesionais menores de 35 anos en 59 entidades galegas

Lun, 27/08/2018 - 08:30

A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Principia que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas titulados en 59 entidades galegas. Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i.

Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/33133/xunta-promove-captacion-talento-coa-incorporacion-110-profesionais-menores-35