A Xunta publica na Plataforma de Contratos de Galicia o anuncio previo de licitación das obras de ampliación do Ifevi para acurtar os prazos administrativos

Lun, 23/03/2020 - 08:30

A Xunta de Galicia vén de publicar na Plataforma de Contratos da Xunta de Galicia, onde pode consultarse, o anuncio previo de licitación das obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que tamén foi remitido ao Diario Oficial da Unión Europea.

Esta iniciativa ten por obxectivo dispor de cobertura xurídica para reducir de 35 a 26 días o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas cando se licite o proxecto. Cómpre lembrar que, para poder licitar o proxecto, primeiro o Concello de Vigo ten que expropiar os terreos necesarios e o Estado remitir os seus informes sectoriais.

Actualmente, e debido á falta dun novo Plan xeral de ordenación municipal en Vigo, a Xunta de Galicia está a tramitar urbanisticamente o proxecto de ampliación de Ifevi a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

No marco deste procedemento, os diferentes organismos da Administración autonómica xa emitiron os informes sectoriais que lles foron solicitados, e só están pendentes os correspondentes á Administración xeral do Estado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48013/xunta-publica-plataforma-contratos-galicia-anuncio-previo-licitacion-las-obras