A Xunta salienta que a formación é o camiño para acadar un emprego inclusivo e acorde ás demandas do tecido produtivo

Ven, 26/10/2018 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ferrol na clausura do networking Rompendo metas organizado pola Fundación Once e a asociación de empresarios Ferrolterra, onde sinalou que a formación é o camiño para acadar un emprego inclusivo verdadeiro e acorde ás demandas do tecido produtivo.

Durante o encontro, a secretaria xeral agradeceu o labor que desenvolven entidades como a Fundación Once e destacou que o Goberno galego traballa para conseguir a plena igualdade impulsando a formación entre as persoas con capacidades diferentes e promovendo que as empresas aumenten a contratación das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Toca incidiu en que o emprego é unha ferramenta esencial para avanzar no camiño da inclusión e lembrou que a Xunta destina este ano un total de 14,6 millóns de euros a programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.

En concreto, resérvanse 12,4 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e os postos de traballo das 2500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos. Tamén permitirá crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34681/xunta-salienta-que-formacion-camino-para-acadar-emprego-inclusivo-acorde-demandas