A Xunta sinala a integración laboral como un elemento clave para a plena inclusión das persoas con capacidades diversas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou este serán na clausura da xornada O impulso da inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia a integración laboral como un elemento clave para lograr a plena inclusión das persoas con capacidades diversas.
No encontro, organizado polo Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) Galicia, salientou o intenso traballo neste eido da entidade, que celebra 20 anos de traxectoria. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Galicia é a comunidade que tivo un maior volume de contratación de persoas con capacidade diversa nos últimos anos, cun crecemento do 75%, ata situalo en 25.100 empregados. Ademais, foi especialmente representativo o crecemento no emprego feminino, que se duplicou nos últimos tres anos, pasando de 5.900 a 12.400 mulleres contratadas.
Pese a estas cifras, Conde defendeu a necesidade de seguir traballando neste eido, e por iso, a Xunta está destinando 40 millóns de euros ao ano para fomentar o emprego inclusivo, con medidas centradas na orientación, a formación, a contratación e o autoemprego. Entre os diferentes programas que se poñen en marcha, atópase o Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, para impulsar a contratación de 180 persoas, e aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de setembro; as axudas aos centros especiais de emprego, que permitirán apoiar o traballo de case 3.000 persoas, impulsando ademais a creación de 80 postos de traballo indefinidos; e o novo programa de formación dual nestes centros, que ofrecerá unha cualificación adaptada para 80 persoas con discapacidade intelectual, que deste xeito recibirán formación especializada.
