A Xunta sinala que o programa Galicia Emprega impulsa a formación e a contratación de 1100 persoas sen emprego

Ven, 21/06/2019 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na xornada A tramitación de subvencións de emprego: apoio á contratación, emprego autónomo e economía social, onde expuxo as principais liñas de axuda da Xunta para impulsar o emprego estable e de calidade.

Toca explicou que a Administración autonómica, a través da Axenda 20, ten en marcha diferentes programas para apoiar a contratación en Galicia.

Galicia Emprega, que xa está en marcha, apoia a formación e a contratación de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, impulsando, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, dando, así, resposta a un dos retos principais da Axenda 20.

Galicia Emprega conta cun orzamento de 9,4 millóns de euros -un 9% máis que en 2018- para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Neste sentido, son catro programas que apoian a contratación dual: Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. Deste xeito, por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

 

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40860/xunta-senala-que-programa-galicia-emprega-impulsa-formacion-contratacion-1100