A Xunta solicita ao Estado flexibilidade para adaptar a formación para o emprego ás necesidades reais do tecido produtivo galego

Mar, 27/04/2021 - 08:30

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela de xeito virtual na Conferencia Sectorial do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional para o Emprego convocada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, onde, amosou a súa preocupación polo feito de que a Comunidade galega perda flexibilidade no deseño das políticas de formación para o emprego.

Lorenzana, en primeiro lugar, destacou que o reparto dos cartos que o Estado transferirá a Galicia é “coherente” ao percibir a mesma contía que en 2020, o que, segundo indicou, permitirá á Xunta seguir mantendo as políticas que vén desenvolvendo en materia de formación para o emprego.

A conselleira, en segundo lugar, destacou na xuntanza a súa preocupación polo feito de que a transferencia de competencias en materia de formación para o emprego ao Ministerio de Educación e, polo tanto, a unificación dos sistemas de formación profesional para o emprego e educativo supoña “unha perda de flexibilidade” no deseño destas políticas que, tal e como afirmou, “nestes momentos de crise sanitaria precisan máis que nunca que se adapten ás necesidades do tecido produtivo e aos criterios europeos, á Axenda Europea de Capacidades, que establece precisamente a flexibilidade na formación”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/57497/xunta-solicita-estado-flexibilidad-para-adaptar-formacion-para-empleo-las-necesidades