A Xunta ten aberto ata o 15 de outubro o prazo de solicitude das axudas para apoiar o traballo nas empresas de inserción laboral

Dom, 28/01/2018 - 23:46

 

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Vigo a xornada de networking 'Rompiendo metas', organizada pola asociación Inserta Emprego, na que salientou a aposta do Goberno galego polo emprego inclusivo para facilitar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables.

Toca destacou nesta xornada, que contou coa asistencia do equipo de trainers paralímpicos da Fundación Once, que entre os programas que ten a Xunta, a través da Axenda 20, para favorecer a integración laboral das persoas con máis dificultades para atopar un traballo atópase a orde de axudas destinada a apoiar ás empresas de inserción laboral, que recolle as principais demandas do sector.

O prazo de solicitude para optar a estas axudas está aberta ata o 15 de outubro. A este fin, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dedicará preto de 400.000 euros cos que prevé a contratación de 56 desempregados a través de 11 compañías.

Nesta nova edición deste programa vólvese a ampliar a duración máxima dos contratos de inserción, ata tres anos; o custe das axudas á asistencia técnica (realización de auditorías contables, sociais ou certificacións de calidade) será do 80%; apoiarase outra vez a formación de persoas en proceso de inserción cun máximo de ata 3000 euros; e financiarase ao 100% o custo dos gastos de inicio e posta en marcha da actividade ata o límite máximo de 12.000 euros por empresa de inserción laboral. 

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/27692/xunta-ten-aberto-ata-15-outubro-prazo-solicitude-das-axudas-para-apoiar-traballo