Xuventude financia con 180.000 euros un total de 49 proxectos que desenvolverán 245 mozos a través do programa Iniciativa Xove

Mér, 13/08/2014 - 11:13
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, financiará este ano con preto de 180.000 euros, a través do programa Iniciativa Xove, un total de 49 proxectos de educación non formal que desenvolverán preto de 245 mozos e mozas da provincia de Pontevedra pertencentes a grupos informais así como asociacións e entidades xuvenís. A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, explicou en rolda de prensa as características principais desta iniciativa, que na súa orixe foi pioneira en Galicia a nivel nacional e que segue, tal e como destacou a delegada, as recomendacións e as políticas “máis avanzadas” da Unión Europea en materia de Xuventude. En concreto, Iniciativa Xove permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil. Por iso, a Consellería de Traballo e Benestar leva investido nesta actuación desde 2010 máis de 3,1 millóns de euros desde a súa posta en marcha, o que ten posibilitado o desenvolvemento de máis de 850 proxectos promovidos por 4.200 mozos e mozas. Como explicou Bravo Bosch, esas 49 iniciativas corresponden a 3 asociacións de ámbito autonómico que levarán a cabo os seus proxectos na ría de Vigo, Valga e Vilagarcía de Arousa; 12 asociacións de ámbito provincial, a metade delas se desenvolverán na área de Vigo; e por último, 34 de grupos informais -16 deles terán cabida na cidade olívica-. En definitiva, no que respecta á área territorial de Vigo, levaranse a cabo un total de 23 proxectos de asociacións, colectivos e grupos xuvenís nos que participarán ao redor de 115 mozos e mozas. En canto aos proxectos, na convocatoria deste ano destacan, segundo explicou a delegada, os programas vinculados co emprendemento e a empregabilidade, así como iniciativas dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías, destacando así na cidade de Vigo a colocación de códigos QR no parque de Castrelos con vídeos encriptados vinculados a unha web que amosan a maneira en que se deben desenvolver as actividades nas zonas deportivas. Entre outros exemplos destacables, Bravo Bosch citou o proxecto Aprende a Emprender no que se levarán a cabo charlas abertas ao público onde emprendedores de éxito e xente innovadora exporán os seus consellos e anécdotas profesionais baseadas nunha longa traxectoria cun formato de mesa redonda e conferencia con espazos de networking e obradoiros prácticos que se desenrolará no Círculo de Empresarios dende o 1 de setembro ao 5 de outubro. Tamén destacou a iniciativa Igual Arte Film Project, que ten como finalidade a integración e inclusión da mocidade con discapacidade nun equipo audiovisual profesional co obxectivo final de elaborar conxuntamente unha curtametraxe. A cooperación comeza cun taller de escritura de guión no que participarán alumnos da Fundación Igual Arte de Vigo, de onde xerminará a historia que dará lugar á curta. Logo de rematar o libreto porase en común unha visión estilística da imaxe e son da cinta. Na derradeira fase, outro grupo de estudantes da mesma fundación sen experiencia no eido do filme, tras asistir a un taller de formación técnica, gravarán a curtametraxe xunto a un equipo de bagaxe no sector audiovisual. Por último, entre outros, tamén mencionou o proxecto, Travesía Galega de Ocio Alternativo, levada a cabo pola Asociación Galega de Monitores na Ría de Vigo e que supón a realización dunha travesía con diversas actividades deportivas na contorna da ría de Vigo, involucrándose na organización e participando nas actividades; ou o proxecto Polo Río Abaixo, no que se levará a cabo a limpeza e acondicionamento do río Zamáns, a colocación de indicadores na Ruta dos Muíños, roteiro guiado con experto en muiñoloxía, demostración do funcionamento dun muíño hidráulico e actuación final de regueifeiros. Con todo, a representante da Administración autonómica na cidade sinalou que este tipo de programas, ademais, son un exemplo da renovación das políticas de Xuventude que está a levar a cabo o Goberno galego, xa que lembrou que na actualidade a maior parte dos programas desta área xiran en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias, a través da educación non formal. “Con estas actividades, os mozos e mozas adquiren aptitudes valoradas altamente polas empresas e que melloran a súa preparación para cando teñan que acceder ao mercado laboral ou iniciar un proxecto emprendedor”, apuntou.