Xuventude financiará con 500.000 euros preto de 140 proxectos que desenvolverán 700 mozos a través do programa Iniciativa Xove

Ven, 08/08/2014 - 11:34
A Consellería de Traballo e Benestar financiará este ano con máis de 500.000 euros, a través do programa Iniciativa Xove, un total de 140 proxectos de educación non formal que desenvolverán preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, explicou en Santiago as características principais desta iniciativa, que na súa orixe foi pioneira en Galicia a nivel nacional e que segue, tal e como destacou Mato, as recomendacións e as políticas “máis avanzadas” da Unión Europea en materia de xuventude. En concreto, Iniciativa Xove permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil. Por iso, a Consellería de Traballo e Benestar leva investido nesta actuación desde 2010 máis de 3,1 millóns de euros desde a súa posta en marcha, o que ten posibilitado o desenvolvemento de máis de 850 proxectos promovidos por 4.200 mozos e mozas. Na convocatoria deste ano destacan, segundo explicou a conselleira, os programas vinculados co emprendemento e a empregabilidade, que están agrupados baixo o epígrafe de ‘Iniciativa Xove emprendedora’. Tamén destacan iniciativas dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías. Mato sinalou que este tipo de programas, ademais, son un exemplo da renovación das políticas de Xuventude que está a levar a cabo o Goberno galego, xa que lembrou que na actualidade a maior parte dos programas desta área xiran en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias, a través da educación non formal. “Con estas actividades, os mozos e mozas adquiren aptitudes valoradas altamente polas empresas e que melloran a súa preparación para cando teñan que acceder ao mercado laboral ou iniciar un proxecto emprendedor”, apuntou. Mato indicou, así mesmo, que a educación non formal é un eixo esencial do novo Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, que conta con 240 medidas e un orzamento de máis de 340 millóns de euros. No marco desta actuación, enmárcanse, ademais, outros programas como Xuventude Crea, Erasmus Plus e o Programa de Voluntariado Xuvenil. Fomento da educación non formal Xuventude Crea é un certame ao que os mozos galegos presentaron este ano 263 proxectos nas 11 especialidades que inclúe esta iniciativa. Esta convocatoria incrementáronse nun 10 por cento os proxectos presentados e nun 20 por cento os participantes. Pola súa banda, Erasmus Plus é un programa europeo que toma o relevo de Xuventude en Acción. Galicia é unha das comunidades máis activas no número de proxectos presentados e tamén nos fondos recibidos para a realización dos mesmos. Nas dúas primeiras quendas deste proxecto foron aprobados para Galicia un total de 28 proxectos que suman un orzamento superior aos 690.000 euros. Por último, o Programa de Voluntariado Xuvenil pon en contacto ás persoas con vocación voluntaria coas entidades ou concellos que impulsan accións destas características. No ano 2014, aprobáronse un total de 122 proxectos cun orzamento de 440.000 euros. O número de participantes ascende este ano a preto de 750 mozos e mozas. En definitiva, Mato destacou que “Galicia está a ser pioneira na posta en marcha e desenvolvemento de programas de educación non formal” e sinalou que, na actualidade, o departamento autonómico está a traballar nunha orde para o recoñecemento e homologación das competencias adquiridas a través dos programas de educación non formal.